Sunday 28 de April de 2024

A Xunta somete a participación pública durante o mes o Plan de Conservación do Espazo Natural de Interese Local Brañas de Sada


— Belén do Campo traslada ao rexedor municipal que desde mañá todas as persoas ou entidades interesadas poderán remitir as súas achegas e suxestións ao documento e subliña que o seu departamento axilizará ao máximo os trámites pendentes

— Esta zona húmida, integrada na Reserva de biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, foi declarada provisionalmente como ENIL no ano 2020

A Xunta de Galicia someterá a participación pública durante o prazo dun mes o documento base do Plan de conservación do espazo natural de interese local (ENIL) Brañas de Sada.
Así llo trasladou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, ao alcalde do municipio coruñés, Benito Portela, con quen mantivo hoxe unha reunión coincidindo coa publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio polo que se comunica que, a partir de mañá, todas as persoas e entidades interesadas poderán consultar o documento e remitir as súas suxestións e alegacións ao departamento.
A Lei 9/2001 de conservación da natureza establece que, a petición dun concello e tras solicitar os informes preceptivos, a consellería con competencias en conservación do patrimonio natural declarará como ENIL aqueles espazos que, polas súas singularidades, sexan merecedores dalgún tipo de protección dos valores naturais. A declaración é competencia da actual Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, mentres que a responsabilidade da súa xestión será municipal.
Neste sentido, cómpre lembrar que as Brañas de Sada foron declaradas de xeito provisional ENIL no ano 2020, quedando condicionada a súa declaración definitiva á presentación, por parte do concello, do correspondente Plan de conservación nun prazo de 2 anos. Neste caso, o Concello de Sada remitiu o documento en 2022 e agora o plan sométese a participación pública para seguir avanzando na súa tramitación.
Ao respecto, Belén do Campo trasladoulle ao rexedor municipal que a Xunta axilizará ao máximo os trámites pendentes, así como a redacción do proxecto de decreto polo que se declarará definitivamente o espazo natural de interese local Brañas de Sada, coa previsión de que poida ser aprobado este mesmo ano.
O ámbito do ENIL Brañas de Sada localízase na parroquia sadense de Santa María e abrangue charcas, antigas telleiras —pequenos talleres para a elaboración de produtos cerámicos, especialmente tellas e ladrillos—, o arroio do río Vado e o regato de Fontoira no seu encontro co arroio antes mencionado.
Así, as Brañas de Sada conservan restos dun pasado industrial recente, constituíndo un espazo natural relevante da Reserva de biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e delimitado como área de corredor ecolóxico no Plan de ordenación do litoral.
Cunha superficie de 29,9 hectáreas, este espazo atópase influenciado polas condicións e xeomorfoloxía da bacía destes dous ríos, configurando unha serie de masas de auga e terreos asolagados ao seu redor que se enmarcan no concepto de zona húmida. De feito, gran parte do seu territorio está incluído no inventario de zonas húmidas de Galicia.
En canto á calidade ambiental das Brañas de Sada, este enclave conforma unha zona húmida de orixe artificial naturalizada, na que as cubetas feitas como consecuencia da actividade das telleiras conforman un ecosistema acuático cunha serie de lagoas de auga doce que propiciaron a colonización natural polo bosque de ribeira.
As aves constitúen o grupo faunísticos máis relevante dentro desta zona húmida destacando entre elas o martiño peixeiro, o falcón peregrino e o pato cullerete, xunto a unha importante poboación invernante de cerceta real. O espazo atópase tamén dentro da área potencial de presenza da escribenta das canaveiras, catalogada como en perigo de extinción no Catálogo galego de especies ameazadas.